dominemos!
Cataluña xa conseguiu a concesión do dominio ".cat". É unha mágoa que case sempre teñamos que ir detrás deles, pero máis lamentábel sería que non aproveitasemos o camiño que abriron. Argumentos temos tantos coma eles, agás un que valorou moi positivamente a Internet Corporation for Assigned Names and Numbers (ICANN): o amplo apoio social co que contaba, pero nós podemos conseguir tanto ou máis. A seguir facendo webs en galego, a participar en proxectos coma a Wikipedia... que se vexa que estamos vivos/as.Polo visto, a encargada da xestión foi unha asociación chamada Puntcat. Descoñezo se en Galicia existe unha organización semellante, de non a haber, non perdamos tempo, a creala, e coloquemos o enlace e todas as páxinas do mundo. Nin o perdamos tampouco discutindo se debe ser ".gal" ou ".gz". Poñámonos man con man coa consellaría de Industria para poder sacalo adiante o antes posíbel. A polo noso espazo no mundo!

Resulta que no novo goberno galego temos un conselleiro e unha conselleira que non falan galego. Trátase dos titulares de Economía, José Ramón Fernández Antonio, e de Educación, Laura Sánchez Piñón. Coméntanme que o primeiro ten agora un profesor particular, e que se está esforzando para poder falar o idioma o antes posíbel. Se isto é certo, animámolo para poder corrixir esta deficiencia. A súa colega de Educación non semella ter o mesmo interese. Isto xa é máis grave. Ademais, lembremos que se trata dunha profesora dunha universidade galega (xa vemos como se pode facer carreira docente sen coñecer o idioma, algo falla), e que rexe unha consellaría que ten, entre moitas contas pendentes, esixir que se cumpra a lei de política lingüística no ensino (alguén terá que mandar os/as inspectores/as para que supervisen o que está pasando).



